sábado, 16 de enero de 2010

Sempre en Farnadelos



















Hermelinda tivo unha vida sinxela. Nasceu en 1886 en Farnadelos, nunha casa ao pé da igrexa. O seu pai era o pedáneo da aldeia e a súa nai atendía as labores domésticas. Cando era nova só saía de Farnadelos para ir bailar á romaría de Picós, o resto dos días pasábaos na aldeia, axudando polas mañás a súa nai nas tarefas da casa e levando ás ovellas a pastar ao monte polas tardes. Casou aos 17 anos cun home de  mediana idade amigo do seu pai e tivo tres fillos. Un morreulle na Guerra Civil, outro emigrou ás Américas e o outro saíulle parvo. Quedou viuva aos 35 anos. O fillo parvo deulle dúas netas ás que mimaba e levaba flores todos os días. O resto dos seus anos transcorreron entre a súa casa, a igrexa, e o monte ao que levaba a pastar o gando. Nunca saíra da aldeia, tan só cando era nova para ir bailar á romaría de Picós. A súa vida tiña un espazo físico de dous mil metros cadrados. Morréu no 1977 e enterrárona no cemiterio da igrexa, ao pé da súa casa. Aquela mesma casiña grande de paredes brancas que xa fóra tamén a casiña dos seus pais e a dos seus avós. As dúas netas quedaron solteiras e levábanlle flores todos os días ao panteón familiar. De non ser polos 33 anos que leva baixo terra, podería dicirse que Hermelinda leva vivindo en Farnadelos cento vintecatro anos. Cento vintecatro anos por riba e por debaixo da terra, sempre en dous mil metros cadrados, sempre en Farnadelos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario