Estas Navidades entereime de que en Galicia tamén tíñamos un "Papa Noel" á galega, nós non iamos ser menos que o resto das comunidades autónomas. Escoitei por primeira vez o nome de "apalpador" a principios de decembro, máis que escoitar, alguén puxo no facebook un link no que falaban do "apalpador". Non entrei no enlace porque co nome de "apalpador" pensei que se trataría dun novo personaxe televisivo, o típico supersaído tan de moda últimamente como nova forma de machismo e que tanto parece gustarlle á xente, e que éste en cuestión se adicaría a "apalpar" ás mozas. Non é que teña unha mente sucia, pero tratándose do facebook e dun nome coma ese, non podía esperar gran cousa. Pero onte, na comida familiar, alguén sacou o tema e saín de dúbidas.
"O apalpador" é a nova figura galega para o día de Nadal, seica recupera unha tradición da zona de Trives (teño compañeiros de traballo desa zona, preguntareilles) e como din na wikipedia, estase tratando de extender por toda Galicia. Mira tí, levo 38 anos vivindo en Galicia e nunca tal oíra, pero bueno, e que eu debo ser o moi burro ou moi pouco galego, porque ata hai cinco anos nunca escoitara falar do Samaín tampouco.
Na miña aldea sempre foron máis de Reis Magos, nin sequera hai tradición de Papa Noel, e o día de fieis defuntos o que fixeron toda a vida foi ir aos cemiterios e despois improvisar nas casas un pequeno magosto con augardente e licor café, e non andar por aí desfrazados polas discotecas a noitiña anterior. Pero se agora din que "o apalpador" e o Samaín son tradicións galegas que xa veñen dende hai moitos anos, pois seráno.

No hay comentarios:
Publicar un comentario