Mañá é a festa de San Lázaro, unha das festas con máis tradición de cantas se celebran na cidade de Ourense. Teréi que facer xestión mañaneiras coa tropa do vermú para ver se por un domingo consigo trocar os lugares habituais (Oira, Praza Maior, Paz Nóvoa, Zona da Universidade) por algunha das Cafeterías que rodean ao Parque de San Lázaro. A verdade é que non estaría nada mal mergullarse no ourensanismo máis típico e desfrutar das abelás e das rosquillas mentres estouran as madamitas ao ritmo da Banda de Música e das bombas de palenque. Creo que a última vez que estiven na festa de San Lázaro foi hai 25 anos. Os últimos anos sempre me coincidía de "descanso de vida social nocturna" (que dito así, ata queda moi fino).
Unha vez máis e para evitar os problemas de dereitos de autor (que sempre son lexítimos e respetables), dicir que tanto as fotos coma os textos están extraídos dos libros: "La Tranformación de una ciudad" de María Victoria Carballo Calero e "El Ourense perdurable" de Anselmo López Morais, e as fotos en color atopéinas no google. A foto de portada correspóndese co Parque de San Lázaro no ano 1908. Non teño datos cronolóxicos das outras dúas fotos en branco e negro, pero poderían ser de mediados do século XX, aínda non estaba construída a Torre nin semella tampouco que existira a Rúa de Juan XXIII.
Fagamos un pouco de historia:
- Seica o lugar que hoxe ocupa o Parque de San Lázaro foi hai séculos un lazareto de leprosos.
- Que a primeira ermida dedicada á honra de San Lázaro estivo emprazada na Carretera da Lonia (hoxe Cardenal Quevedo)
- Que despois houbo outra no comezo da Corredoira (actual rúa de Santo Domingo) e que ao desaparecer ésta, construíse outra maior no interior do recinto do Campo da Feira (hoxe Parque de San Lázaro). A podemos ver na foto de portada. Esta ermida foi demolida e trasladada ao barrio do Peliquín, e actualmente atópase baleira e sen culto.
- O actual Parque era o lugar onde se celebraba a feira tódolos días 7 de cada mes, e estaba rodeado de viñas, como aínda se pode apreciar nalgunha das fotos
- No centro do Parque situábase unha fonte barroca traída dos claustros do Monasterio de Oseira, que segue a ser a que se pode ver na actualidade, aínda que a súa taza é diferente.
- O actual Parque de San Lázaro ocupaba un terreo bastante amplo, de carácter ondulado e suxo, que se convertía nun auténtico lamazal os días de chuvia. Ao construirse a Travesía (actual Rúa do Paseo) o Parque foi dividido en dous, quedando ao outro lado os solares nos que agora se empraza o edificio da Subdelegación do Goberno.




No hay comentarios:
Publicar un comentario