martes, 29 de junio de 2010
Ourensáns ilustres: Abelardo
Vai de necrolóxicas, pero e que hoxe faleceu unha das persoas máis queridas e coñecidas da cidade. As veces mostramos mágoa cando morre unha estrela do rock ou un actor de cine, aínda que nunca os vísemos na vida e tivesen a súa residencia habitual a milleiros de quilómetros da nosa. A morte dunha persoa da mesma cidade coa que era habitual cruzarse pola rúa e que ademáis era un abanderado e defensor de Ourense polo mundo adiante, alomenos para mín, é algo máis sentida que nos casos anteriores, por cercana e pola valía da persoa en cuestión. O meu trato con él limitábase a un cortés saúdo, pero sí que Abelardo mantiña amizade co meu pai -de como o meu pai coñece a tódolos ourensáns de máis de 55 anos é un misterio do que falaréi noutra ocasión-.
Como hoxe se pode ler en tódolos xornais galegos, Abelardo é coñecido pola súa faceta artística e tamén porque foi candidato a alcaldía de Ourense hai xa oito anos. Era demasiado honesto para andar metido en lerias de partidos políticos, así que por non querer retractarse dunhas opinións sobre a "paridade", o aspirante a cacique Pachi Vázquez apartouno do PSOE pouco antes das eleccións. Penso que tería sido un bo alcalde, alomenos era unha persoa comprometida coa súa cidade. Mágoa.
Eu coñecín a Abelardo nun ximnasio. Concretamente no do Bamio. Eso foi xusto antes de baixar de novo as escaleiras do Ximnasio Club Lee. Na sala de pesas do Bamio era habitual atoparse a Abelardo dando mostras dunha envexable condición física. Daquela debía ter pouco máis de 50 anos e cando practicaba boxeo (foi un dos mellores boxeadores que deu a cidade) ou facía exercizos de elasticidade, a mín entrábame unha envexa sá, xa que eu aos meus 27, non era capaz de facer todo aquelo. Co seu fillo sí que tiven máis trato, ademáis coincidín con él o último ano que traballéi en Vigo, xa que Gabriel, que é como se chama, aprobara nese mesmo ano as oposicións a policía local e tocoulle "apatrullabar a siudá" xusto no barrio onde eu traballaba (a Rúa México).
Abelardo era un dos fixos na ruta por onde vou correr (o Paseo das Ninfas). E digo "era", porque xa fará uns dous anos que non o vía correndo por alí.
Aínda que a morte non entende de idades, Abelardo era demasiado novo para morrer. D.E.P.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario