martes, 9 de febrero de 2010

O ENTROIDO VAISE DE BARRIOS (II): DONA PAQUITA E DON NICANOR DE SEIXALBO




Coma un Vicente Risco de andar por casa, continuo na miña teima pola etnoloxía para produndizar e coñecer máis detalles sobre a historia dos diferentes entroidos que se celebran na capital do Entroido.

Un dos resultados máis destacados deste grato “estudo”, é o de que a maioría absoluta das vilas da provincia contan cunha ampla tradición de Entroido –non só estamos a falar de festas de desfraces, tamén de festas relacionadas coa gastronomía- e que estas festas son máis frecontes nas vilas situadas no centro, leste e sur da provincia. Nalgúns casos trátase de tradicións recuperadas recentemente e noutros, de festas nas que a súa existencia pérdese na noite dos tempos. A capital tamén conta cunha tradición de Entroido que segundo sinalaba Enrique Bande, data de 1901. Pero na capital, a alegría tamén vai por barrios e son moitos os barrios da cidade que celebran o seu propio Entroido. Non é preciso desprazarse a outras vilas da provincia para gozar do Entroido, xa que como víamos onte, e veremos hoxe, os barrios de Ourense achegan tradición e enxebreza ao Entroido e constitúen unha boa alternativa aos máis coñecidos.


Malia o seu carácter histórico, -e a diferencia de Entroidos como o das Eiroás, máis recentes no tempo-, non abunda información sobre o Entroido de Seixalbo, tan só un texto de Manuel Herminio Iglesias publicado en “La Reguión” no ano 2008. Segundo comenta Don Manuel nese artigo, o de Seixalbo é un Entroido moi diferente ao resto dos Entroidos da capital. Conta cunha parella de mecos tallados en madeira como figuras representativas: Dona Paquita e Don Nicanor, sen que se lles coñeza o motivo exacto da súa “suba aos altares”, posiblemente trataríase de dous personaxes moi populares dentro do barrio. De feito, a este matrimonio dáselles trato de Santos: veneración, oracións (cánticos), peticións…e están relacionados coa “fertilidade”, tanto é así, que unha vez rematado o Entroido entréganselle en custodia a unha parella de recén casados co gallo de que fecunden e teñan fillos. Esa parella de recén casados ten a obriga de vestilos (vestir santos, supoño) e levar a Dona Paquita e Don Nicanor á procesión do Domingo de Corredoiro do seguinte Entroido.


Con máis dun século de antigüidade, o Entroido de Seixalbo nunca deixou de celebrarse, mesmo nos tempos de prohibición franquista seguíu adiante. Comparsas, coplas, procesións e o Enterro da Sardiña o mércores de cinza, son outros dos atractivos deste Entroido. Aquí vos deixo unha ligazón ao programa de man do Entroido de Seixalbo 2010, que conta como día grande o da xornada do martes.


No hay comentarios:

Publicar un comentario