lunes, 8 de febrero de 2010

O ENTROIDO VAISE DE BARRIOS (I): A PITA DE EIROÁS



A diferencia doutras localidades da provincia - como poden ser Xinzo e as súas pantallas, Laza e os seus peliqueiros e Verín e os seus cigarróns (por nomear os máis significativos)-, a cidade de Ourense non conta cunha máscara propia característica do seu Entroido.

A mediados da década do dous mil, alguén dende o Concello tratou de incorporar "A Pita das Eiroas" (na fotografía) como a máscara representativa do Entroido ourensán, o que xenerou bastante polémica (sobre recuperacións de supostas tradicións xa falei nunha entrada anterior con ocasión do "apalpador"). O certo é que "A Pita" sí que se trata dunha tradición recuperada polos veciños do barrio de As Eiroás a comezos da pasada década, pero sempre como unha parte integrante do entroido típico dese barrio, e non como unha máscara representativa do Entroido da cidade. Investigando pola Rede, atopei uns cantos enlaces de interese e que, como veremos a continuación, poñen algo de luz sobre toda ésta polémica.

En primeiro lugar ¿cómo nace a tradición de "A Pita"?

Sobre o nacemento da "Festa da Pita" circulan dúas versións diferentes:

A do barrio de As Eiroás:

Que sinala que a Festa da Pita naceu como consecuencia do anuncio do matrimonio entre Gumersinda Benavides (alias "A Pita" e Antonio Guimarey, que a finais dos anos Cincuenta decidiron casar. Era tradición no barrio a de "facer cinzarrada" ao viuvo ou viuva que casaba, pero como ningún dos contraíntes atopábase neste estado civil, a xente reclamoulles unha contía para celebrar a festa. Como os dous noivos negáronse, os veciños deron en facer mofa e rebumbio con instrumentos caseiros,  para advertir deste xeito aos veciños dos arredores da negativa dos noivos a pagar a festa. Tal debeu ser o rebumbio, que dende aquela data e ata ben entrados os anos Setenta, tódolos anos celebróuse  en Eiroás a "Festa da Pita"; tradición que se recuperou de novo no ano 99.

A do escritor Enrique Bande:

Ademáis de que Enrique Bande sostén que a festa do Entroido na cidade é de recente creación, concremente sinala que naceu no ano 1901, fai fincapé no xa sinalado antes de que o Entroido ourensán carece de máscara propia e dun personaxe que identifique esta festa. Con respecto á "Festa da Pita", Enrique Bande afirma que naceu nas Eiroás como consecuencia dun feito grotesco: Ata hai poucos anos e en moitas vilas ourensáns, cando un vello casaba cunha muller moi nova da mesma localidade, ou cando se casaban un home e unha muller de parroquias distintas, ou cando un veciño non quería pagar a festa, o resto dos veciños facíanlle unha "cencerrada". Eso, segundo Bande, foi o que aconteceu nas Eiroás cando unha muller nova apodada "a Pita" e un home maior, anunciaron o seu casamento.

A máscara da Pita:

A máscara da Pita non é máis que unha figura creada recentemente polos veciños de As Eiroás co obxectivo de "asentar" a Festa da Pita dentro do Entroido. Concretamente, e segundo sinalan dende a Asociación de Veciños, a máscara da Pita foi representada por primera vez no ano 2001 e en anos sucesivos iría "perfeccionándose". Dende logo, nada que ver co exposto por Enrique Bande a este respecto, que fala dun plaxio do desfraz de galos e de galiñas característico do Entroido da Mezquita.

------------------

Polémicas aparte, o certo e que "a festa da Pita" é un entroido autóctono do barrio de As Eiroás, unha tradición recuperada en 1999 pola asociación de veciños daquel barrio, e que este ano volve a celebrarse por todo o alto. Conta ademáis cunha máscara representativa, "a pita", creada tamén a principios da década do dous mil polos veciños de As Eiroás, coa intención de "asentar" a festa no Entroido. Sorprende tamén, como dun feito tan simple como é o do matrimonio entre un home e unha muller do mesmo barrio pero de diferentes idades, puido nascer toda unha festa do Entroido, con desfraz de seu e todo. Ourense is diferent.

Máis aló de tódalas festas nocturnas que se celebran en Auria con ocasión do Entroido e que teñen a súa noite máis importante na madrugada do luns ao martes, se hai algo que de verdade merece a pena do Entroido ourensán, algo que é digno de ver, é o seu DESFILE. Todavía non sei se teréi que traballar o luns e o martes (En Santiago non é festivo este ano o martes do Entroido e aínda non me deron os días), en caso de ter que traballar, non me quedará outra que perderme o desfile. "A Pita" ven participando no desfile do Entroido ourensán dende mediados da década do dous mil. O certo é que esta participación non debe molestar a ninguén, eu non a vexo mal,  xa que non deixa de ser unha recente tradición recuperada por una asociación de veciños dun barrio de Ourense, e dende longo, ten moito máis sentido ver "a pita" desfilando polas nosas rúas, que as comparsas que semellan máis propias de carrnavais foráneos como o de Río de Janeiro ou o de Tenerife. Estas últimas sí que teñen pouco en común coas nosas tradicións, coa nosa cultura. Eles teñen o Carnaval, nos temos o Entroido, son cousas diferentes. O Entroido ourensán ten denominación de orixe, é único no mundo, e como tal hai que conservalo e defendelo fronte a "invasións foráneas" que non veñen a conto (falo do desfile e demáis actos institucionais, os desfraces da noitiña xa son outra historia).


Coma non nascín aprendido, algunha documentación deste texto saqueina da seguinte web, na que podedes consultar tamén o artigo de Enrique Bande e as aclaracións que fan o respecto dende a asociación de veciños de As Eiroás:

http://www.galeon.com/sloren/pita.htm#Recuperan_unha_máscara_tradicional_do_Entroido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario