domingo, 9 de mayo de 2010

Tres segundos de memoria





Onte, e nun dos blogs que visito con certa periodicidade, fixéime nun listado de varios libros que aparecían relacionados na súa marxe dereita. Entre eses libros -a cada cal máis interesante- atopábase un do escritor ourensán Diego Ameixeiras.

"Tres segundos de memoria" publicóuse no ano 2006, e con él, Diego gañou o Premio Xerais de novela. Líno a comezos do 2007, e, en varias das súas partes, atopéi similitudes con como era a miña vida mediada a vintena: De cando a pouco de rematar a carreira non tiña traballo nin perspectivas de telo a corto/medio prazo. De cando vivía para a fin de semana e as preocupacións pasaban por coller as borracheiras do século. De cando odiaba as tardes dos domingos polas resacas, as comeduras de tarro, e por ser os "días oficiais das parellas felices de namorados". De cando os meus amigos comezaban a cambiar e a "facer as súas vidas" e eu sentía que me quedaba atrás. De cando odiaba Ourense por que facíame sentir preso nunha pequena cárcere sen posibilidade de escapatoria. De cando as lembranzas dos amoríos pasados, dos amores platónicos, das equivocacións propias ou alleas, non me deixaban durmir polas noites. Aínda que hai cousas que por desgraza non cambiaron co paso dos anos.

Hoxe erguinme demasiado cedo para ser domingo. Aproveitando que "Tres segundos de memoria" está a coller pó nun estante da casa dos meus pais e que non tiña mellor cousa que facer, entreguéime de novo a súa lectura. Trátase dunha novela curta que engancha e lese dun tirón. Os capítulos son moi cortos, directos e con reflexións bastante interesantes. Nesta ligazón tendes unha mostra que reflicte con perfección o complicado das post-relacións.

A novela xira arredor do día a día dun trintañeiro que habita sen rumbo nin norte, no post-fracaso. Aínda que sería máis acertado dicir, que é a vida do protagonista a que xira arredor de Alba, unha -ex á que considera a muller da súa vida. Alba sempre está presente en todo o que fai. A novela finaliza cunha reconciliación "amigable" con Alba e cun cambio de vida por parte do protagonista.

Apetéceme transcribir un dos seus capítulos. Escollín un ao chou e saíume este:


"Mínimas confianzas

Miráballe fixamente as tetas a un manequín anoréxico cando, reflectido no escaparate, iluminouse o sorriso demoledor de Alba. Cando dei a volta, os seus braxos abríronseme de par en par coma unha tesoira e corteime moito.

- Anda, dame unha aperta, estúpido.

Había tempo que non se amosaba tan despreocupada comigo e mesmo suxeriu a idea de tomarmos un café nun bar próximo, proposición que aceptei de inmediato.

- Deixeino con Manu, sabes? -díxome

Alba ten vinte e oito anos, pero ás veces fala como se acabase de facer a primeira comuñón. Nesa diferencia horaria e na turxencia dos seus meandros radica parte do seu atractivo, que se completa cun coeficiente intelectual varios puntos por riba da media e cun sorriso capaz de iluminar un túnel. Alba estudou Historia da Arte, sacou varias matrículas e dende hai uns meses traballa nun museo, aínda que o que máis lle gustaría sería rematar unha tese de doutoramento que nunca empezou porque sempre lle falta tempo e un tutor que non se pase. Alba é morena de ollos negros e pel escura, algo espigada nos andares e moi pouco afeccionada ao consumo de bebidas gaseosas. Alba era a muller da miña vida.

- Con Toxic Machine? e iso?- pregunteille

- Nada, é que o tema non acababa de funcionar.

- Iso sempre pasa.

- Espero que non te fagas ilusións de ningún tipo. Agora quero estar comigo mesma.

- Xa.

Choveu moito dende que non falábamos como dous seres civilizados. Recoñezo que, en certa medida, fun eu quen puxo as cousas un tanto difíciles, sobre todo dende o día que tentei introducirlle un vaso de tubo na boca a ese rabeno chamado Manu Toxic Machine.

- A culpa foi súa, por ir de moderno escoitando porcalladas -díxenlle a Alba.

- Iso non foi o peor.

- Como?

- Logo dixécheslle que querías furarlle a próstata cunha botella de Jameson.

- Iso xa non o lembro. Maldito speed.

Alba díxome que fora unha separación pactada e sen hostilidades, pero adiviñei nos seus ollos, que non me enganan, que algún problema houbo.

- Incompatibilidade de caracteres, eu que sei. Manu está moi concentrado na música e eu xa sabes que tampouco son moi propensa a querer parella.

- Ah, non?

- Non.

- Pois quen o diría, porque me deixaches por ese furricas cheo de chapas.

- Foi unha casualidade. Esas cousas, unha non as busca.

- E antes de estar comigo andabas con aquel garda xurado que pulía farlopa á saída do Parlamento.

- Con Xocas?

- Si. Ese si que me caía ben, mira. Unha gran persoa e mellor pai de familia.

- Ai, non empecemos outra vez cos teus traumas, vale?

Alba díxome que pretende que sexamos amigos nun futuro próximo, cando as miñas feridas cicatricen definitivamente. Que teñamos unha relación máis ou menos normal e unha mínima confianza que permita contarnos os nosos problemos. Eu expliqueille que non hai ningún tipo de problema pola miña parte, sempre e cando non saia con tipos como Manu Toxic, a quen lle desexo a precariedade sexual máis absoluta e unha longa travesía no deserto do onanismo e autocompaixón.

- Non sexas cruel, home - dixo Alba.

- Só o xusto, respondín.

Non sei ata que punto fun consecuente comigo mesmo ao aceptar a suxestión de Alba, pero espero poder soportala non como unha cruz, senón como unha mostra de que son capaz de asumir as miñas contradicións. Vela dese xeito -"amiga"- vaime supoñer un esforzo de considerables proporcións. Se bebo dous cubatas na súa presenza, o meu concepto de amizade interxéneros hase diluir á mesma velocidade que se me multipliquen as présas."



No hay comentarios:

Publicar un comentario