martes, 24 de noviembre de 2009

POLAS COUSAS FERMOSAS...



Hoxe vou facer patria, pero non patria de bandeiras nin de fronteiras, que esas non son realmente patrias, senón patrañas suxeitas a decisións políticas. A miña patria é o meu contorno, os meus amigos, os lugares onde teño as miñas lembrazas, as rúas e prazas, os camiños de terra, as fontes de pedra, os cruceiros, as montañas, as chairas, as leiras, todos eses anacos de terra que me enchen de saudade, de morriña. Nostalxia. Eu non son de Ourense cidade, malia nacer no hospital ese da rúa Sáenz Díez onde nacimos case tódolos ourensáns e malia defender á vella Auria como se fose parte integrante da miña familia. Eu, en realidade, son de Bande, o pobo que vedes na fotografía.

Nesa vila vivín os cinco primeiros anos da miña vida. De Muíños é a miña familia paterna e dese rincón do mundo é do que me sinto “cidadán”. Eu son dun pobo do interior alonxado da costa, un fillo da Baixa Límia, no corazón do Xurés, no norte de Portugal, e por iso, de tarde en tarde, aínda sinto nos meus ósos o frío da neve dos duros invernos limiaos; o arrecendo a perfume da droguería que tiñamos debaixo da casa; o olor da combustión da leña na cheminea co que espertaba polas mañáns; os aullidos dos lobos nos bosques que veía dende a fiestra da miña habitación, neses intres nos que a lúa e a néboa ganánballe a partida ao sol, a maxia e o misterio mesturados co medo... contos ao calor dunha lareira; as excursións de fin de semana cos meus pais por Mugueimes, Cados, Nigueiroá e demais aldeas veciñas; as caricias dos raios do sol cando tirado na herba do Salto das Conchas contemplaba toda a grandeza das montañas do Xurés; o sabor do pan fresco polas mañás; as lendas populares e o silencio do interior da Igrexa de Santa Comba, os concursos de mexos cos meus curmáns nas pedras do dolmen de Maus de Salas; o peito ardendo cando a escondidas lle daba un grolo ao augardente de guindas que facía a miña bisavoa ; a color azul verdosa do Seat 600 da miña nai, os gaiteros e o estoupar dos foguetes na romaría da Clamadoira; o son a ovo fritido dos singles dos sesenta que tiña o meu pai como lembranza da súa época de emigrante en París; os xogos coa miña cadeliña Twist e a inmensa tristura que sentín cando unha mala tarde de inverno morreu esmagada baixo as rodas dun coche; as leitugas e patacas á porta da casa como mostra da hospitalidade da boa xente do lugar...noutras partes do mundo chámanlles paletos, coitados...non saben que ser paleto non ten nada que ver con ter máis ou menos cultura, con ler máis ou menos libros, con saber de cine ou de música máis que ninguén; non saben que ser paleto é máis ben unha actitude e que unha persoa boa e educada non pode ser nunca un paleto, aínda que careza de estudos e de cultura. Non saben que nas universidades e nas cidades onde eles viven hai moitos máis paletos que nas aldeas, abofé que sí os hai, e podería poñer exemplos dalgunha que outra ¿cidade? que coñezo, mellor non me fagan falar.

Hoxe deixeime levar novamente pola sensación agridoce da nostalxia. A nostalxia ocupa un lugar moi importante na miña vida e esta tarde de frío e choiva, para espantar a ameaza da soidade, apetecíame falar de lembranzas e de cousas fermosas, e poucas cousas hai máis fermosas na vida dunha persoa que sentirse orgulloso do seu pobo, da súa infancia, dos seus recordos. Hoxe apetecíame falar desa sensación de inocencia que sentía de cativo ao empezar a descobrir o mundo, cando o mundo -o meu pequeno mundo- só se chamaba Baixa Límia. A nostalxia a veces non é máis que unha chamada ao pasado para que acuda ao rescate do presente, e en noites coma ésta, gostaríame que viñese ao rescate, que me levase con ela voando para ser quen de perderme de novo por bosques, ríos e pobos abandoados, para deixarme acariciar pola néboa do Xurés, para xogar coa neve, para perseguir rás aorredor dos estanques onde as mulleres enloitadas lavaban a roupa, para quedar durmido co son dos grilos e co olor a herba seca dos atarcederes do verán...para sentirme como unha formiga ante a grandeza do crepúsculo.


E porque hoxe lembrando a miña aldea, a miña infancia, e mentres me deixaba atrapar pola letra, pola maxia desta inmensa canción de SIMON & GARFUNKEL, lembréime de tí. Hoxe vai polas cousas fermosas...

http://www.youtube.com/watch?v=Q60YKfPKdjQ

No hay comentarios:

Publicar un comentario