
Foto e texto extraídos do libro: "Ourense de auga e pedra" de Carlos Casares.
"Pensemos nun triángulo imaxinario que se estendese no pequeno espacio comprendido entre a Praza do Ferro, a Rúa da Paz e a Rúa Lepanto. Os vértices estarían marcados por tres edificios de pedra de gra, máis ben modestos, cativa manifestación arquitectónica dunha pequena burguesía con rendas no campo e empregos na administración ou o exercizo de profesións liberais, cando non na dedicación ao pequeño comercio. Pouca cosa.
Nese pequeno núcleo urbano non superior a unha hectárea, nun período de tempo de pouco máis de dez anos, entre 1884 e 1897, naceron un grupo de escritores aos cales Ourense lles debe, en boa parte, a súa imaxe de urbe culta e literaria: a mítica Auria ou Oria da literatura galega. Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco viñeron ao mundo na Rúa da Paz, que antes se chamaba dos Zapateiros; Eduardo Blanco Amor, na de Lepanto, case na porta da catedral, que anos máis tarde lle ía inspirar a novela titulada "La Catedral y el niño". Florentino L. Cuevillas, aínda que naceu na Rúa do Progreso, a uns cen metros daquel lugar, viviu prácticamente toda a súa vida na Praza do Ferro. Neste barrio foron nenos.
Vicente Risco estudiou as primeiras letras na mesma Rúa da Paz, nun colexio que facía esquina coa Rúa de San Miguel. Otero Pedrayo e Florentino L. Cuevillas asistiron ás clases que na mesma rúa daban as señoritas de Hermida, educadoras de nenas de boas familias, pero que admitían tamén a párvulos. Eduardo Blanco Amor, nacido no seo dunha familia máis humilde, fillo dunha florista, non foi a escola. Enfermo de pequeno, aprendeu a ler el só nas páxinas do períodico El Miño, que era propiedade dun tío de Florentino L. Cuevillas. Pola tenda de flores artificiais da súa nai pasaban moitas mulleres, algunhas delas pertencentes a agrupacións relixiosas da capital, que se encargaban de adornas as igrexas. Pero tamén pasaban señoras da aldea, como a Xenerosa de Rairo ou a Xenoveva, que son, segundo ten contado o escritor, a causa de que haxa tantas mulleres nas súas novelas.
Co tempo, os futuros escritores afogados pola mediocridade que os rodeaba, viraron costas ao ambiente en que vivían e puxéronse a soñar nun mundo refinado e decadente, alonxado do filiteismo espeso e municipal que gobernaba a cidade. Vestidos á última moda, convertidos en auténticos elegantes, case todos foron figuras destacadas na vida social da cidade. Pola rúa de Santo Domingo pasearon o seu atildado dandismo de mozos de boa familia, saudando cunha sabia combinación de xestos gobernados polo sombreiro e o bastón, ás mozas e ás señoras que, como se fosen plateas ou palcos, ocupaban balcóns e ventás para contemplar o ir e vir da xente no paseo. Algunhas tardes acudían a facer tertulia nos salóns, especialmente no de dona Angelita Varela, a Marquesa de Atalaya Bermeja, que acababa de estrear palacete feito con cartos de indiano, pouco máis alá da Praza do Ferro, na Rúa de Santo Domingo.
Outras tardes, despois da hora da sesta, Risco saía do portal da súa casa, recollía a Cuevillas na Praza do Ferro e xuntos se encamiñaban, a través da Rúa dos Fornos e Viriato, seguindo despois por Hernán Cortés, ata a Praza de San Cosme, nos arredores da antiga Porta da Aira, moi preto do Xardín do Posío. Dispuñan naquel lugar dun pequeno cuarto no que se xuntaban a ler e meditar. Pronto se estendeu pola cidade a noticia de que os fillos de dona Antonia Agüero e Dona Vicente Cuevillas, ámbalas dúas ben coñecidas e virtuosas damas da mellor sociedade ourensá, se dedicaban a facer estraños ritos herexes. Durante anos, os dous amigos foron vistos con temor e recelo polas beatas que pasaban horas facendo visitas nas distintas capelas da catedral, e o nome deles deu que falar nas camillas máis temidas da parte nova da cidade, onde as señoras e algún home amante da cotilla, se dedicaban, nas longas tardes de inverno, a despelexar sen misericordia honras e famas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario